RE-READING ROSALIA

Quen dixo que a poesía era cousa de catro miñasxoias? O que pasa que, está claro, hai que ter unha pouquiña de vista ou un chisco de intuición. Que hai de malo en poñer un ola aquí e quitar un adeus alí? Realmente foi Galicia a que mudou, xa non se corresponde coa dos vellos tempos, aqueles nos que se pousaba toda a cacharrada na eira de mallar para que os veciños foran comprando por pezas e así, eufemisticamente, xuntar os cartos necesarios para unha pasaxe de barco cara ás américas. Agora non, agora a mesmiña Rosalía cantaría con ritmo de rap a nova letra proposta por Caixa Galicia con-fusion para loar esta nosa paradisíaca terra e o seu benefactor compromiso con ela. Por suposto, esto non fixo máis que comezar, xa estou imaxinando o repunte de ciclo -económico, digo- e a mutación pondaliana: Urbanización de Breogán! …deeee Breeeogaaaán! Por suposto, eso xa será cousa da nova Caixa para a que propoño seriamente e tras moito reflexionar sobre o asunto o nome de Box Populi.