ICONOLOXÍA VAXINAL

Explícome. O concepto de iconoloxía vaxinal foi creado aló polos primeiros setenta para facer referencia á existencia dunha imaxinería propiamente feminina no ámbito da produción artística. As súas introdutoras foron dúas artistas, Judy Chicago e Miriam Shapiro, á vez activistas do denominado Movemento de Liberación da Muller. Tras unha teimuda búsqueda dun elo que distinguira as realizacións das mulleres das realizadas polos homes deron coa teoría da existencia dun suposto patrón común nas obras das primeiras: todo se organizaba derredor dun orificio central innegablemente metafórico.
Sobre este capítulo da historia da arte pódese atopar moita máis información no fabuloso libro de Patricia Mayayo titulado ‘Historias de mujeres, historias del arte’, e refírome aquí a el por un motivo máis que xustificado -como pronto ides ver- co que batín circunstancialmente cando andaba detrás doutras cousas. O caso é que, ó profundizar na cuestión dese metafórico centro que pode ser identificado en todo produto artístico realizado por mulleres, as autoras cren recoñecelo en múltiples formas e citan varias, unha delas, unha das mencionadas, son as ventás.
A miña lóxica aristotélica non acaba de dilucidar se neste meu blog fago uso e abuso dunha iconoloxía vaxinal, partindo da base de que non son muller, ou, pola contra, se debo ponderar con máis obxectividade canto de muller hai en min. Por suposto, as conclusións que eu obteña ó respecto non serán xa expostas aquí.

UNHA MEMORIA VERDOSA, HÚMIDA…

Armamento de produción propia presente en todas e cada unha das guerras da vella infancia de aldea. Saber facer aqueles rudimentarios artefactos, ter a pericia de manexalos con xeito, acumular historial de competencia, … Cantas horas de lecer, ou non tanto, pois o máis das veces tratábase de encher ese tempo no que había que manterse atado á corda dunha vaca arredor dunha leira, ou á beira dunha corredoira.
Lémbrome deso cando atopo algúns versos de Seamus Heaney, tan próximo nas vivencias e na xeografía, lede senón o poema V dos ‘Sonetos de Glanmore’, no seu Traballo de Campo; lembreino tamén lendo un relato de Sebald, o titulado ‘Il retorno in patria’, que pecha o seu libro Vértigo; lémbroo cando miro para fóra e vexo como están a punto de rebentar as floracións deses sabugueiros que deixei medrar a carón do muro. É así ese neno que me habita.

SEN PERDÓN

Da persoal versión que Derek Walcott escribiu d’A Odisea:

ODISEO: Está boísimo. Había tempo que non probaba un xamón así.
EUMEO: Os meus porcos medran coma pipotes de viño entre landras e frescos mananciais.
ODISEO: Pero son eles os que papan os teus porcos cando deberían ser os porcos os que os comeran a eles.
EUMEO (que se ri): Lémbrasme a Odiseo, el dicía cousas así.
ODISEO: Voltar a un reino decrépito. Cavilar sobre o lume de Troia…
EUMEO: Estiveches naquela guerra?
ODISEO: …e ver o cabelo de Helena. Estiven.
EUMEO: E todo por unha muller infiel. Non foi por eso?
ODISEO: Entre outras cousas. O fume nubrou a causa.
(Silencio)
EUMEO: Eu tiven muller, hai moito tempo.
ODISEO: Pero a pesar de perdela, o lugar prospera, Eumeo.
EUMEO: Así é. Estraño que na súa ausencia aínda voen as lavercas. E que a herba medre.
ODISEO: Comprobeino por min mesmo. O desprezo da natureza polas nosas desgrazas.

Traducido da edición bilingüe que Jenaro e Manuel Talens realizaron para a Colección Visor de Poesía.