CERIMONIA DE CLAUSURA

Deixou escrito o poeta que toda morte é prematura. Ben sabemos que os poetas case nunca teñen razón, sobre todo porque a brutal realidade cotiá se afana en levarlles a contraria.
Estirar e estirar e seguir estirando unha imaxe dunha ventá para xustificar con ela unha perorata masturbatoria mellor ou peor escrita, para enxoivala con caprichosas seleccións musicais ou cousas así, para… No fondo non acabo de saber moi ben para que e, salvo para min, tampouco acabei de saber moi ben para quen. Por eso, a pesar de que o número de ventás podería ser case infinito e que, tamén levándolle parcialmente a contraria a outro poeta, eu non lin todos os libros por moito que a carne sexa triste, incluso esta carne de tren, decidín que abondaba.
Non merece a pena desperdiciar máis retórica para pechar este espazo, unicamente me quero permitir unha última satisfacción literaria facendo uso e abuso duns versos de Ruy Belo, versos que agora me parecen perfectamente oportunos:

Dizia que ao chegar se olhares e me não vires
nada penses ou faças vai-te embora
eu não te faço falta e não tem sentido
esperares por quem talvez tenha morrido
ou nem sequer talvez tenha existido.

Homburg fuit hic.

TRECE MANEIRAS DE MIRAR UNHA VENTÁ

I
Calculou ben o impulso e deu o salto / forzando a resistencia / do tempo recluído / nas súas sombras. (Lois Pereiro)

II
O axente xudicial mirou para arriba e identificou doadamente a ventá dende a que se lanzara aquel home, había unha altura considerable, o estraño foi que non se deformara a trompeta. Disque se trataba dun tal Chet Baker, un músico famoso. Nunca antes oira falar del. Para que ía tirarse un músico famoso dende unha ventá nunha cidade que non era a súa, nun pais que non era o del, e máis estando el de garda!

III
Nin que Bohumil fora tonto, que non soupera cal era realmente a súa situación, que descoñecera o relato da mazá de Newton, que non poidera considerar a posibilidade do suicidio. Acaso un suicida non pode tamén botarlles de comer ás pombas?

IV
O xesto, o simple e significativo xesto de quitar o reloxo e pousalo coidadosamente, todo o que ese xesto implica. Logo a ventá, sen máis, sen dubidalo. ‘Kuhle Wampe’, 1932. A vida era unha bicicleta.

V
A derradeira performance de Ana Mendieta, o seu corpo lixeiro voando, trinta e catro pisos de caída libre, libre, libre… Moitos dedos sinalaron a Carl Andre, pero que podemos saber nós?

VI
Dende unha fría torre tirolesa, así Walter, así o pobre Walter, sen compaixón, con ese pulcro horror, con esa especie de obscena delicadeza, así o lanzou Bernhard contra o chan.

VII
Non sabería dicilo, non podería confirmar se nas dúas ocasións nas que o fixo a ventá era a mesma, supoño que non, que nada tiñan que ver unha coa outra. Unica Zürn botouse a voar ós doce anos e o seu tenro corpo rematou entregándolle o seu sexo á lingua dun sedento can (así, sen retórica algunha, nolo fixo saber na súa ‘Primavera sombría’). Con cincoenta e catro anos volveuse a tirar, matouse por segunda e definitiva vez, xa para sempre. Non sei se toda esquizofrenia precisa de dúas mortes.

VIII
Foron varios, incluso moitos, pero apenas permitiron que víramos as imaxes, non deixaron que os media… Aínda así e todo existen probas, existen tamén xa lendas, case mitos. Penso por exemplo nesa parella collida da man, tal e como se nos repite na novela de Don DeLillo ‘El hombre del salto’.

IX
Por suposto, un accidente, como discutirllo á familia, a Julia, supoño, tamén a Julia, a pesar de los pesares. Pero sen entrar en detalle, por unha ventá partiu tamén José Agustín Goytisolo.

X
Do magnetismo atroz que sobre os corpos, certos corpos, exercen en certos momentos as ventás de certas comisarías. A eso, a reflexionar sobre esa anomalía da física, dedicou Darío Fo unha das súas pezas máis coñecidas.

XI
Deleuze optou por unha xanela rizomática aberta nunha meseta, non sei exactamente en cal das mil, pero tanto ten.

XII
Oliveira é posible que non acabara de decidirse aínda, hai teses de todo tipo, non teño noticia de que Cortázar se manifestara con máis precisión. É perfectamente posible vivir eternamente asomado a unha ventá. Quero dicir nunha novela, claro.

XIII
A Buster Keaton pasoulle ó revés, foi a ventá a que se lle botou enriba.