SLÁLOM DE ABISMOS

O título do post é roubado, por suposto de quen tén, claro, como facía o Robin Hood aquel con corpo de Errol Flynn. Roubeillo a Chus Pato, ás súas hordas. Para que llo roubei?, pois para falar un pouco de viaxes, de certas viaxes.
Coinciden estes días en Compostela unhas exposicións que teñen como tema central tal asunto. Nun caso trátase dunha mostra que se integra na parafernalia de actividades derivadas do Xacobeo, noutro, dunha proposta que se fai dende o CGAC. Ambas exposicións e o contexto espazo-temporal no que se encaixan parecen querer corroborar -se fixera falta- os versos do poeta (por seguir un pouco máis con el): “Navegar é preciso; viver não é preciso”.
As impresionantes fotografías de Pierre Gonnord ocupan tres plantas do descomunal edificio de San Martiño Pinario, ámbito arquitectónico que lle senta ben, para o meu gusto, moi ben. Repartidas dun xeito claro aparecen dúas series diferentes, a primeira vinculada ás peregrinacións (Regreso á orixe), coa súa visión particular, aínda que ás veces inevitablemente común xa; a segunda, que me interesou máis (Terre de personne), froito tamén dun camiñar, neste caso por terras do norte peninsular, retratando xentes “que manteñen un estilo de vida apegado a uns valores que están a desaparecer” (salvando os diferentes estilos, mesmo me evocou a Antero de Alda, sempre aquí ó lado, a un simple link).
En canto a Bas Jan Ader, seguramente é moi difícil deixar de crer que é un artista para artistas, pero pode servir perfectamente como motivo para facernos reflexionar sobre as forzas que levan a unha persoa a tomar decisións tan aparentemente absurdas como necesarias, imprescindibles. Neste caso non parece indicarse en ningún lado que existira un impulso relixioso, e por eso creo que situar en paralelo os camiños de Santiago e a ‘derrota’ deste artista pode ser un exercicio de reflexión interesante. Nun instante dunha entrevista con un dos mariñeiros que atoparon a súa ridícula embarcación o home falaba de ‘aventura para atoparse a sí mesmo’ como única explicación posible. A fin de contas, quen é o que non anda en busca de sí mesmo, esperando o ansiado momento do encontro, dese vital encontro?
Of course, a foto que xustifica este post foi tomada tamén onte en Santiago mentres o eco das probas de son de Ben Harper sacudía o granito.

A L., que vai diante na andadura e en todo.

PELO TEXO VAI-SE PARA O MUNDO (I)

Reencontrarme coa merda de elefante de Ofili na visita ó Museu Colecçao Berardo e coas figuras antropomorfas das cagadas de gueivotas fotografadas por Barbi na exposición temporal do Centro de Arte Moderna da Calouste Gulbenkian. Colofón?, ver cagar ó rinoceronte indio no Zoo, todo un asqueroso espectáculo (podería dicir tamén: ver cagar ó rinoceronte de Durero).

Josefa de Óbidos, esa pintora barroca portuguesa da que non falan os libros fóra de Portugal. Curiosamente a min tan só me resulta interesante o feito de que existira e, como moito, as pinturas que se lle atribúen con dúbidas, aquelas que moitos pensan que son obra de seu pai, as naturezas mortas. Se si ou se non, hai unha natureza morta con estalotes que me parece deliciosa. Si, claro, no Museu Nacional de Arte Antiga, onde tamén está esa xoia da arte portuguesa atribuída a Nuno Gonçalves, os Paneis de San Vicente de Fora, e as Tentacións de San Antonio d’O Bosco, cos seus marabillosos artefactos voadores.

‘Algumas obras a ler’, unha xoia que será difícil volver a encontrar. Art & Language e Isidore Isou, sobre os que descansa fundamentalmente a montaxe, pero tamén outros, entre os que me rematou de convencer Braco Dimitrijevic, a quen coñecín hai uns anos nunha colectiva no CGAC.

Non sei ben cal é o motivo ou se é puro azar, pero batín unha e outra vez con Nadir Afonso. Primeiro foron os azulexos pintados da estación de metro Restauradores, na liña azul ou gaivota. Logo foi a monográfica no Museo do Chiado, onde me encantou ver o seu arte cinético, basicamente ese cabalete con motor que fai xirar un lenzo para mostrar pintura en movemento (unha das vías abertas polas vangardas históricas que ás veces se confundiu co cine abstracto). Logo foi a radio no coche, a Antena 2 portuguesa, na que de pronto emitiron unha entrevista co artista -naceu no 1920 e aínda vive- con motivo doutra exposición sobre a súa obra que está tendo lugar na viciña vila de Chaves, na que el naceu.

DECEPCIÓNS E OUTRAS MISERIAS

Nunca vos aconteceu -non sei por que escribo en plural- sentir a necesidade de botarvos de cabeza na obra (poética, pictórica, musical, etc., etc.) dalgún creador que é admirado por alguén a quen vós admirades e sair desencantados da aventura? Explícome con exemplos: Samuel Beckett sentía gran reverencia pola pintura de Bram van Velde, cousa que fixo que eu sentira á súa vez unha gran curiosidade por este pintor, pero nunca logrei entusiasmarme pola súa proposta, polo menos ata o día de hoxe; algo semellante aconteceu con Gombrowicz, a quen moito admira Kundera, quen me levou a el, pero tampouco conseguín descubrir a causa dese entusiasmo; Menjou sempre me resultou repelente, a pesar da adoración que os surrealistas lle profesaban; Lezama Lima desesperoume, non tanto por el mesmo como pola insistencia terca coa que quixen amalo seguindo os pasos de Cortázar
Tamén están as erradas suxestións dos amigos, deses amigos que xeralmente acertan e dos que vos fiades e/ou polos que sentides absoluto respecto estético ou ético ou humorístico ou crítico ou equis (non son excluíntes) e, sen máis, non acertan, destrozan de golpe todo o seu prestixio, no mellor dos casos, ou, no peor, déixante na miseria por sentir que non estás á altura. Podería poñer tamén exemplos, pero non debo, por puro pudor, por discreción, por orgullo. Abonda con que recoñeza que hai moitos máis do segundo tipo ca do primeiro, o que di moito dos amigos e non di menos de min.
E deixo para o final o caso máis doloroso, xusto o que xenera máis desencanto. Cal? Pois cando es ti o que recomenda, o que entusiasma co propio entusiasmo ós demais e, glup!, o que os conduce ó desencanto. Plus de veces, a lot, too much! Por suposto, o caso que máis me ten torturado é o do meu querido Bohumil Hrabal, ídolo meu e decepcionante encontro para algúns dos meus máis amados terrícolas.

O PESO DOS DESEXOS

As cousas acontecen, punto. Hai veces que entendemos máis ou menos por que, o normal é que non, que aparezan ante nós, ou mesmo en nós, e –agora que está de moda o tema- a lidiar con elas. Algo así é o que fai que lle adique este post a Edward Hopper.
Durante un lote de anos (un ferrado!) unha reprodución de considerable formato dunha pintura súa colgou dunha das paredes do meu cuarto, tratábase do cartaz editado con motivo dunha exposición que a Fundación Juan March (que filantrópicos seres acumularon as fermosas coleccións de arte que xustifican moitos dos museos e fundacións existentes!) ofrecera no Madrid do histórico ano 89. Naquel entón pouco sabía do pintor neoiorquino e basicamente atraíame por asocialo con dous cadros, un dunha casa ó lado das vías do ferrocarril, casa que non sei se con razón ou sen ela sempre vinculei coa que Hitchcock nos mostrou en ‘Psicose’, e outro o que se empregou para o mentado cartaz, onde aparecía unha muller sentada na beira dunha cama dun cuarto de hotel lendo uns papeis. A min parecíanme tremendamente poéticos, suxerentes (sigo pensando que o son). Ben, aquelo serviume para coñecer mellor a Hopper, para descubrir que pintara máis casas ó lado das vías, máis mulleres en interiores e, sobre todo, moitas ventás.
Foi pasando o tempo e eu non lle prestei máis atención a este artista e, ademais, rematei cansando de ver aquela parede mostrándome aquela mesma muller e un día calquera desfíxenme dela.
De golpe, nestes últimos dous ou tres anos fun batendo unha e outra vez co pintor, dun xeito suave, case imperceptible, pero con máis e máis frecuencia e, xa por último, de cheo. Explícome. Refírome ó meu papel de lector, de lector neste caso de poesía. Primeiro un poema de Robert Hass adicado precisamente ó ‘Cuarto de Hotel’ (Hotel Room, 1931) que decorara a miña vida tanto tempo. Probablemente non me tería chamado a atención de non ser por eso, por eso e pola lectura que del facía, para min sorprendente. Eu sempre asociara aquela escea cunha típica historia de fracaso amoroso, de abandono, de carta cruel de despedida. Pois non, para Hass tratábase dunha muller de negocios cun papel na man que ‘posiblemente’ tiña números! Alá se foi toda a miña melodramática interpretación!
Máis tarde, lendo ‘Hombres en sus horas libres’, da citada poeta canadiana, atopo unha serie de poemas adicados a obras do artista, pero, lástima, non mencionaba para nada o ‘Hotel room’. Tamén me sorprendeu a proposta que Carson facía. Por suposto, pareime incluso a localizar as pinturas por internet ou no pequeno catálogo da referida exposición que eu teño.
O remate foi atoparme hai uns meses cun libro do poeta Mark Strand, a quen non había moito que descubrira e que lera (deixárame distintas sensacións), centrado única e exclusivamente na obra de Edward Hopper. Por suposto, non puiden resistirme. Quedei decepcionado, polo menos naquela primeira lectura. Pero volvín a retomalo pasado un tempo (é un libriño ben lixeiro, en todos os sentidos). Son pequenos textos de carácter reflexivo (ensaios?) sobre un número considerable de pinturas que, neste caso si, aparecen reproducidas para poder entender de que se nos está a falar.
Agora teño unha visión moito máis consistente da arte de Hopper, agora entendo mellor (creo) a presenza das ventás, comprendo que é por elas, fundamentalmente por elas, por onde escapan as miradas ou por onde entran, pero unicamente as miradas, nunca os corpos. Eso significa que os desexos, os nosos desexos, case sempre están alá onde nós non estamos. Agora estou convencido que é deso do que nos fala o artista, deso e non exactamente da soidade, que non é o mesmo. Agora entendo o peso desas miradas, o peso enorme tamén dos corpos. Incluso creo que entendo tamén as vías do tren, da tristeza dese tren que non chega nunca ou que, peor aínda, xa pasou. Alí quedan, inertes, case mortas tamén, as casas.