UNHA MEMORIA VERDOSA, HÚMIDA…

Armamento de produción propia presente en todas e cada unha das guerras da vella infancia de aldea. Saber facer aqueles rudimentarios artefactos, ter a pericia de manexalos con xeito, acumular historial de competencia, … Cantas horas de lecer, ou non tanto, pois o máis das veces tratábase de encher ese tempo no que había que manterse atado á corda dunha vaca arredor dunha leira, ou á beira dunha corredoira.
Lémbrome deso cando atopo algúns versos de Seamus Heaney, tan próximo nas vivencias e na xeografía, lede senón o poema V dos ‘Sonetos de Glanmore’, no seu Traballo de Campo; lembreino tamén lendo un relato de Sebald, o titulado ‘Il retorno in patria’, que pecha o seu libro Vértigo; lémbroo cando miro para fóra e vexo como están a punto de rebentar as floracións deses sabugueiros que deixei medrar a carón do muro. É así ese neno que me habita.