SLÁLOM DE ABISMOS

O título do post é roubado, por suposto de quen tén, claro, como facía o Robin Hood aquel con corpo de Errol Flynn. Roubeillo a Chus Pato, ás súas hordas. Para que llo roubei?, pois para falar un pouco de viaxes, de certas viaxes.
Coinciden estes días en Compostela unhas exposicións que teñen como tema central tal asunto. Nun caso trátase dunha mostra que se integra na parafernalia de actividades derivadas do Xacobeo, noutro, dunha proposta que se fai dende o CGAC. Ambas exposicións e o contexto espazo-temporal no que se encaixan parecen querer corroborar -se fixera falta- os versos do poeta (por seguir un pouco máis con el): “Navegar é preciso; viver não é preciso”.
As impresionantes fotografías de Pierre Gonnord ocupan tres plantas do descomunal edificio de San Martiño Pinario, ámbito arquitectónico que lle senta ben, para o meu gusto, moi ben. Repartidas dun xeito claro aparecen dúas series diferentes, a primeira vinculada ás peregrinacións (Regreso á orixe), coa súa visión particular, aínda que ás veces inevitablemente común xa; a segunda, que me interesou máis (Terre de personne), froito tamén dun camiñar, neste caso por terras do norte peninsular, retratando xentes “que manteñen un estilo de vida apegado a uns valores que están a desaparecer” (salvando os diferentes estilos, mesmo me evocou a Antero de Alda, sempre aquí ó lado, a un simple link).
En canto a Bas Jan Ader, seguramente é moi difícil deixar de crer que é un artista para artistas, pero pode servir perfectamente como motivo para facernos reflexionar sobre as forzas que levan a unha persoa a tomar decisións tan aparentemente absurdas como necesarias, imprescindibles. Neste caso non parece indicarse en ningún lado que existira un impulso relixioso, e por eso creo que situar en paralelo os camiños de Santiago e a ‘derrota’ deste artista pode ser un exercicio de reflexión interesante. Nun instante dunha entrevista con un dos mariñeiros que atoparon a súa ridícula embarcación o home falaba de ‘aventura para atoparse a sí mesmo’ como única explicación posible. A fin de contas, quen é o que non anda en busca de sí mesmo, esperando o ansiado momento do encontro, dese vital encontro?
Of course, a foto que xustifica este post foi tomada tamén onte en Santiago mentres o eco das probas de son de Ben Harper sacudía o granito.

A L., que vai diante na andadura e en todo.