RIDÍCULO (EU)

Sorprendeume que sendo luns fora posible visitar as exposicións na sede da Fundación Caixagalicia d’A Coruña, está claro que un funciona xa por inercia. Fun atraído por esa montaxe que xa percorreu outras cidades e que recibiu o título rimbombante de Cara ao paraíso. Un diálogo coa arte galega e as vangardas. Podería terse chamado de calquera outro xeito, habería xustificadas posibilidades. O caso é que… A ver quen nega o valor artístico e supoño que crematístico de calquera das obras expostas, non serei eu. Mais eso non creo que sexa motivo dabondo para considerar que a exposición mereza a pena como tal, como proposta de conxunto e non como alarde de propiedades (un par de picassos, un chagall, un esperpéntico dalí, un miró, un braque, un par de ferrados de laxeiro, unha torada de leiro,etc.). E ollo, unha por unha, moitas das obras son interesantes, pero non precisamente as que fan ostentación de aristocrática sinatura artística, esas case todas son menores. Vaia, que me deixou frío, que salvo a grata satisfacción de ver novamente esa Rosiña sueña de Lamazares, daquel Lamazares dos oitenta que a min aínda me segue parecendo magnífico, e non digo xenial ou orixinal, que no contexto da arte galega tamén, pero si atrevido e necesario. Algo semellante podería dicir de Vilariño e as súas impactantes fotos de animais desecados pousados sobre moreas de coloridas especias. Excepcións.
Pero eso non foi todo, e menos mal. Mereceu a pena visitar a exposición da terceira planta, Posgraffiti, xeometría e abstracción, unha mostra con múltiples apéndices (ou case mellor, prolongación de diferentes propostas de arte nás rúas) e coa que levei unha grata sorpresa. Teño que recoñecelo, si. Dígoo porque non pensaba atopar nada especial que non remitira a cousas tipo Basquiat ou, talvez, Banksy. Pero non, recibín unha fermosa cura de humildade. Quedei interesadísimo en Momo, en Eltono (sobre todo), en Marlon de Azambuja e, menos, en Bassett. Lástima non terlle prestado antes atención a esta oferta, basicamente porque me tería feito ilusión patear certas rúas buscando os cebos nos que deixar algunha pequena filigrana, algún rastro(?), ou simplemente observar.

A ventá que aparece neste post está obtida directamente da rede, concretamente de lovecolors.net, e a intervención plástica que se observa na mesma é obra de Eltono, agora xa inconfundible na súa particular caligrafía de limpas xeometrías e de remate sempre bifurcado.