… AND THE LIVIN’ IS EASY

Días de duro traballo físico, de regreso ás orixes. O corpo renxe, si, pero a cambio dese castigo recupera sensacións que xa parecían mortas para sempre. Non todas son pracenteiras, incluso é posible que ningunha o sexa, mais o pracer está neso, en recuperar, en recuperar-se. Tén o seu encanto restabrecer vellas relacións de amor/odio: o pico, a pá, a marra, a serra de arco, o punteiro e a maceta, o martelo e as puntas de encofrado, as tenazas e o arame, etc. E todo eso en xornadas inacabables e soleadas, ás veces eternas. Por suposto, deixo para o final o mellor, a compañía, neste caso a de Manolo, ese home que xa camiño dos oitenta segue cultivando o seu vello oficio como se non houbera outra cousa que merecera a pena, como se non existira diferencia entre unha xornada de hai trinta anos, ou sesenta, e a de antonte, a de hoxe, a de mañá. Repite os xestos, os pasos, o ritmo, incluso os comentarios sobre os xestos, sobre os pasos, sobre o ritmo. É así que o verán semella ser un vello verán, un eterno verán, e os golpes nos dedos tamén son os vellos golpes nos dedos, e as putas moscas (Manolo: Andan doentes, meu fillo. É a tormenta.), as insoportables moscas, son as mesmas moscas de sempre e, entón, por culpa delas, lémbrome de que en todo hai -en case todo- espazo para uns versos:

La mosca
“Te tendré que matar de nuevo.
Te maté tantas veces, en Casablanca, en Lima,
en Cristianía,
en Montparnasse, en una estancia del partido de Lobos,
en el burdel, en la cocina, sobre un peine,
en la oficina, en esta almohada
te tendré que matar de nuevo,
yo, con mi única vida.”

Julio Cortázar

Así vai pasando, neste sen pasar, o meu summertime.

DECEPCIÓNS E OUTRAS MISERIAS

Nunca vos aconteceu -non sei por que escribo en plural- sentir a necesidade de botarvos de cabeza na obra (poética, pictórica, musical, etc., etc.) dalgún creador que é admirado por alguén a quen vós admirades e sair desencantados da aventura? Explícome con exemplos: Samuel Beckett sentía gran reverencia pola pintura de Bram van Velde, cousa que fixo que eu sentira á súa vez unha gran curiosidade por este pintor, pero nunca logrei entusiasmarme pola súa proposta, polo menos ata o día de hoxe; algo semellante aconteceu con Gombrowicz, a quen moito admira Kundera, quen me levou a el, pero tampouco conseguín descubrir a causa dese entusiasmo; Menjou sempre me resultou repelente, a pesar da adoración que os surrealistas lle profesaban; Lezama Lima desesperoume, non tanto por el mesmo como pola insistencia terca coa que quixen amalo seguindo os pasos de Cortázar
Tamén están as erradas suxestións dos amigos, deses amigos que xeralmente acertan e dos que vos fiades e/ou polos que sentides absoluto respecto estético ou ético ou humorístico ou crítico ou equis (non son excluíntes) e, sen máis, non acertan, destrozan de golpe todo o seu prestixio, no mellor dos casos, ou, no peor, déixante na miseria por sentir que non estás á altura. Podería poñer tamén exemplos, pero non debo, por puro pudor, por discreción, por orgullo. Abonda con que recoñeza que hai moitos máis do segundo tipo ca do primeiro, o que di moito dos amigos e non di menos de min.
E deixo para o final o caso máis doloroso, xusto o que xenera máis desencanto. Cal? Pois cando es ti o que recomenda, o que entusiasma co propio entusiasmo ós demais e, glup!, o que os conduce ó desencanto. Plus de veces, a lot, too much! Por suposto, o caso que máis me ten torturado é o do meu querido Bohumil Hrabal, ídolo meu e decepcionante encontro para algúns dos meus máis amados terrícolas.

TRECE MANEIRAS DE MIRAR UNHA VENTÁ

I
Calculou ben o impulso e deu o salto / forzando a resistencia / do tempo recluído / nas súas sombras. (Lois Pereiro)

II
O axente xudicial mirou para arriba e identificou doadamente a ventá dende a que se lanzara aquel home, había unha altura considerable, o estraño foi que non se deformara a trompeta. Disque se trataba dun tal Chet Baker, un músico famoso. Nunca antes oira falar del. Para que ía tirarse un músico famoso dende unha ventá nunha cidade que non era a súa, nun pais que non era o del, e máis estando el de garda!

III
Nin que Bohumil fora tonto, que non soupera cal era realmente a súa situación, que descoñecera o relato da mazá de Newton, que non poidera considerar a posibilidade do suicidio. Acaso un suicida non pode tamén botarlles de comer ás pombas?

IV
O xesto, o simple e significativo xesto de quitar o reloxo e pousalo coidadosamente, todo o que ese xesto implica. Logo a ventá, sen máis, sen dubidalo. ‘Kuhle Wampe’, 1932. A vida era unha bicicleta.

V
A derradeira performance de Ana Mendieta, o seu corpo lixeiro voando, trinta e catro pisos de caída libre, libre, libre… Moitos dedos sinalaron a Carl Andre, pero que podemos saber nós?

VI
Dende unha fría torre tirolesa, así Walter, así o pobre Walter, sen compaixón, con ese pulcro horror, con esa especie de obscena delicadeza, así o lanzou Bernhard contra o chan.

VII
Non sabería dicilo, non podería confirmar se nas dúas ocasións nas que o fixo a ventá era a mesma, supoño que non, que nada tiñan que ver unha coa outra. Unica Zürn botouse a voar ós doce anos e o seu tenro corpo rematou entregándolle o seu sexo á lingua dun sedento can (así, sen retórica algunha, nolo fixo saber na súa ‘Primavera sombría’). Con cincoenta e catro anos volveuse a tirar, matouse por segunda e definitiva vez, xa para sempre. Non sei se toda esquizofrenia precisa de dúas mortes.

VIII
Foron varios, incluso moitos, pero apenas permitiron que víramos as imaxes, non deixaron que os media… Aínda así e todo existen probas, existen tamén xa lendas, case mitos. Penso por exemplo nesa parella collida da man, tal e como se nos repite na novela de Don DeLillo ‘El hombre del salto’.

IX
Por suposto, un accidente, como discutirllo á familia, a Julia, supoño, tamén a Julia, a pesar de los pesares. Pero sen entrar en detalle, por unha ventá partiu tamén José Agustín Goytisolo.

X
Do magnetismo atroz que sobre os corpos, certos corpos, exercen en certos momentos as ventás de certas comisarías. A eso, a reflexionar sobre esa anomalía da física, dedicou Darío Fo unha das súas pezas máis coñecidas.

XI
Deleuze optou por unha xanela rizomática aberta nunha meseta, non sei exactamente en cal das mil, pero tanto ten.

XII
Oliveira é posible que non acabara de decidirse aínda, hai teses de todo tipo, non teño noticia de que Cortázar se manifestara con máis precisión. É perfectamente posible vivir eternamente asomado a unha ventá. Quero dicir nunha novela, claro.

XIII
A Buster Keaton pasoulle ó revés, foi a ventá a que se lle botou enriba.