O QUE QUEDA

No noso encontro de onte, ese encontro instaurado ó xeito de promesa ou de ofrecemento, encontro que procuramos levar a cabo cada vez que N. volta á casa de donde queira que está (unhas veces foi Italia, outras Francia, logo, moi pronto xa, será USA e a súa gran mazá), entre conto e conto, nese poñernos ó día, por algún tipo de razón que non podo concretar agora con certeza, saltou o nome de Platonov, nome que suscitaba nos dous un evidente interés e que, a pesar deso, ningún podía aínda evocar dende a experiencia persoal da lectura dos seus textos. Foi curioso, non porque cousas así non se produzan, que si que son absolutamente normais, pero é que a ese anecdótico detalle sumóuselle hoxe a reincidencia ó botar man dun pequeno opúsculo de autoría compartida: as palabras de John Berger, as fotografías de Marc Trivier e varias esculturas de Alberto Giacometti que actúan como elemento causal do mesmo. Refírome a Esa belleza (My beautiful), editado por Bartleby no 2005 en edición bilingüe. Nun dos comentarios que Berger fai sobre unha das pezas do escultor emprega un fragmento dun relato de Platonov como metáfora ou, talvez mellor, como mera posibilidade para aproximarse ö indescifrable enigma. O relato do escritor ruso disque narra as peripecias dun grupo de nómades que se ven atrapados nun deserto de sal. O fragmento describe a conversación que o protagonista lle escoita involuntariamente unha noite a unha parella:

“Ya no servimos para nada, dice la mujer, tú estás delgado y débil, en cuanto a mí, me languidecen los pechos y siento dolor en la médula de los huesos.
No dejaré de amar lo que queda de ti, dice él.
No se dijeron más. Sin duda se tendieron abrazados en el lecho para tener en las manos su única dicha.”

… AND THE LIVIN’ IS EASY

Días de duro traballo físico, de regreso ás orixes. O corpo renxe, si, pero a cambio dese castigo recupera sensacións que xa parecían mortas para sempre. Non todas son pracenteiras, incluso é posible que ningunha o sexa, mais o pracer está neso, en recuperar, en recuperar-se. Tén o seu encanto restabrecer vellas relacións de amor/odio: o pico, a pá, a marra, a serra de arco, o punteiro e a maceta, o martelo e as puntas de encofrado, as tenazas e o arame, etc. E todo eso en xornadas inacabables e soleadas, ás veces eternas. Por suposto, deixo para o final o mellor, a compañía, neste caso a de Manolo, ese home que xa camiño dos oitenta segue cultivando o seu vello oficio como se non houbera outra cousa que merecera a pena, como se non existira diferencia entre unha xornada de hai trinta anos, ou sesenta, e a de antonte, a de hoxe, a de mañá. Repite os xestos, os pasos, o ritmo, incluso os comentarios sobre os xestos, sobre os pasos, sobre o ritmo. É así que o verán semella ser un vello verán, un eterno verán, e os golpes nos dedos tamén son os vellos golpes nos dedos, e as putas moscas (Manolo: Andan doentes, meu fillo. É a tormenta.), as insoportables moscas, son as mesmas moscas de sempre e, entón, por culpa delas, lémbrome de que en todo hai -en case todo- espazo para uns versos:

La mosca
“Te tendré que matar de nuevo.
Te maté tantas veces, en Casablanca, en Lima,
en Cristianía,
en Montparnasse, en una estancia del partido de Lobos,
en el burdel, en la cocina, sobre un peine,
en la oficina, en esta almohada
te tendré que matar de nuevo,
yo, con mi única vida.”

Julio Cortázar

Así vai pasando, neste sen pasar, o meu summertime.

CUL-DE-SAC

A vida entendida como unha anomalía, como un simple accidente. A pintura, tamén. Ou tería que ordealo ó revés, axustaríase máis ó que verdadeiramente trato de dicir: a pintura entendida como unha anomalía, un accidente; a vida, tamén. Si, así, cambiando ademais o punto e seguido por un punto e coma, estreitando a cesura, acelerando os impulsos, impedindo a osixenación do cerebro, arrastrando sen case descanso. Falo de Bacon, por suposto, dese pintor de banco de matar máis ca de cabalete, dese home que veu das illas para mostrarnos o que non queríamos ver, o que escondíamos de nós mesmos, o que xa nunca máis poderemos ocultar: o horror, esa palabra que non aceptaba para definir a súa pintura porque, creo, non define a súa pintura, ó revés (de novo dando voltas), defínenos a nós.
Hai uns meses Bacon voltou a Madrid cunha macroexposición que case todo o mundo (entendámonos) visitou, todo o mundo menos eu. Alguén me trouxo o cartaz da mesma e un Smart libro. Tamén me fixeron chegar un díptico dunha outra exposición, esta en Portugal, máis modesta, tamén atractiva, confrontando o seu ‘Edipo e a esfinxe’ coa versión realizada por Dominique Ingres e que tampouco vin. Non se pode pretender ir a todo, e incluso aínda que se pretenda…
Batín en directo (en vivo) coa pintura deste artista nunha viaxe que no 1996 me levou a París. Alí estaban, azarosamente, unha boa morea das súas obras, mostrándose sen pudor, descarnadas, na 5ª planta do Centro Georges Pompidou. Os fondos violentamente alaranxados das telas, os marcos dourados, os corpos case todos convulsos dun xeito ou doutro, a xente mirando sen apenas falarse, o son ambiental daquel espazo que por un momento semellaba un ancho corredor ás portas dun quirófano, etc.
Releo cousas, a saltos, sen orde, deixándome levar: por suposto, a Deleuze, obsesivamente analítico coas tarimas ou plataformas nas que se ubican as figuras, coa disposición de certas obras empregando trípticos, etc.; a Kundera, que abre o seu xa mencionado ‘Un encuentro’ cun pequeno ensaio sobre Bacon; a Saura, que me parece interesante por ser a visión dun pintor, por dicir cousas que os outros non din (…en las obras de sus últimos veinte años, con mayor evidencia que en las anteriores, existe una separación entre la pintura del fondo y la de las figuras, apenas un milímetro o dos de tela virgen, que pone en evidencia que ha existido premeditación…), cousa ben difícil, porque realmente sempre se remata dicindo o mesmo porque non hai outra maneira de aproximarse ó que a pintura de Francis Bacon nos di, porque non é posible dicila.
Quixen atopar na rede a impactante fotografía do corpo morto do artista, unha foto que ocupou algunhas das páxinas da prensa escrita ou das revistas de cultura daquel 1992, a típica imaxe tan común grazas ós telefilms, o corpo cunha etiqueta colgada nun polgar dun pé. Non aparece (non a atopei). Pretendía poñer un enlace. Un xeito verdadeiramente Bacon de pechar a súa proposta pictórica; si, e vital, claro.