SLÁLOM DE ABISMOS

O título do post é roubado, por suposto de quen tén, claro, como facía o Robin Hood aquel con corpo de Errol Flynn. Roubeillo a Chus Pato, ás súas hordas. Para que llo roubei?, pois para falar un pouco de viaxes, de certas viaxes.
Coinciden estes días en Compostela unhas exposicións que teñen como tema central tal asunto. Nun caso trátase dunha mostra que se integra na parafernalia de actividades derivadas do Xacobeo, noutro, dunha proposta que se fai dende o CGAC. Ambas exposicións e o contexto espazo-temporal no que se encaixan parecen querer corroborar -se fixera falta- os versos do poeta (por seguir un pouco máis con el): “Navegar é preciso; viver não é preciso”.
As impresionantes fotografías de Pierre Gonnord ocupan tres plantas do descomunal edificio de San Martiño Pinario, ámbito arquitectónico que lle senta ben, para o meu gusto, moi ben. Repartidas dun xeito claro aparecen dúas series diferentes, a primeira vinculada ás peregrinacións (Regreso á orixe), coa súa visión particular, aínda que ás veces inevitablemente común xa; a segunda, que me interesou máis (Terre de personne), froito tamén dun camiñar, neste caso por terras do norte peninsular, retratando xentes “que manteñen un estilo de vida apegado a uns valores que están a desaparecer” (salvando os diferentes estilos, mesmo me evocou a Antero de Alda, sempre aquí ó lado, a un simple link).
En canto a Bas Jan Ader, seguramente é moi difícil deixar de crer que é un artista para artistas, pero pode servir perfectamente como motivo para facernos reflexionar sobre as forzas que levan a unha persoa a tomar decisións tan aparentemente absurdas como necesarias, imprescindibles. Neste caso non parece indicarse en ningún lado que existira un impulso relixioso, e por eso creo que situar en paralelo os camiños de Santiago e a ‘derrota’ deste artista pode ser un exercicio de reflexión interesante. Nun instante dunha entrevista con un dos mariñeiros que atoparon a súa ridícula embarcación o home falaba de ‘aventura para atoparse a sí mesmo’ como única explicación posible. A fin de contas, quen é o que non anda en busca de sí mesmo, esperando o ansiado momento do encontro, dese vital encontro?
Of course, a foto que xustifica este post foi tomada tamén onte en Santiago mentres o eco das probas de son de Ben Harper sacudía o granito.

A L., que vai diante na andadura e en todo.

ANHELO DE MAR

Foi un refacho de Suroeste o que me levou ás páxinas de ‘Circe ou o pracer do azul’, novela de Begoña Caamaño adicada ás mulleres que transgriden e aos homes coa afouteza de amalas. Chegado talvez ó momento central do relato, ó seu clímax, entendemos o por que do título e foi aí, sen máis, cando un novo refacho, esta vez saído do propio texto, me remitiu de golpe ó ‘m-Talá’ de Chus Pato, a un dos seus poemas(?) que tiven que buscar.
Na novela o asunto é o seguinte, Circe e Penélope establecen unha comunicación epistolar que tén como tema central a Ulises e que vai permitíndolles construir unha fonda confidencialidade que as enreda nunha sólida e sentida relación de amizade. Circe confesa o seu rendido amor por un home que non lle pertence e, pola contra, Penélope recoñece repulsión e odio por ese mesmo ser. Cando os extremos representados polas dúas mulleres chegan a tocarse xa para sempre é cando a primeira, Penélope, declara sentirse de novo liberada e diríxese a Circe dicíndolle: grazas, señora, por me devolver o mar.
No poema(?) co que Chus Pato pecha a parte que lle dá título ó seu libro, dúas mulleres tamén dialogan entre elas a modo de entrevista, son Locutora e Brenda, talvez trasunto da propia poeta ou talvez non. A entrevista/poema(?) inclúe unha conexión cunha páxina web introducindo así a modo de intrusión/complemento un texto aparentemente alleo no que, entre outras cousas, tamén se fala de Circe, da illa das femias asasinas, da máis divina das estirpes. O poema(?) remata co seguinte intercambio de preguntas/respostas:
LOCUTORA: De non ser quen es, quen desexarías ser?
BRENDA: en certo modo oceánica, “manifesto medusas”, quizais polos océanos
LOCUTORA: Brenda, como son os xenitais do teu texto? cal é o teu próximo proxecto ou desexo?
BRENDA: Titanic, os créditos de Titanic, son impresionantes, sería escribir algo así, con esa estructura, algo épico, unha epopea, en columnas homéricas, é dicir: hexámetros.

Pensei entón que toda muller expresa así o seu don de vida, o seu desexo ou instinto de ser fonte: como un anhelo de mar.

p.s.: o libro de Begoña Caamaño contén un erro no seu lombo ó escribir ‘prazer’, un erro que carga de significado o significante, que me pareceu fermoso e que debería ter sido produto dunha intención.