DECEPCIÓNS E OUTRAS MISERIAS

Nunca vos aconteceu -non sei por que escribo en plural- sentir a necesidade de botarvos de cabeza na obra (poética, pictórica, musical, etc., etc.) dalgún creador que é admirado por alguén a quen vós admirades e sair desencantados da aventura? Explícome con exemplos: Samuel Beckett sentía gran reverencia pola pintura de Bram van Velde, cousa que fixo que eu sentira á súa vez unha gran curiosidade por este pintor, pero nunca logrei entusiasmarme pola súa proposta, polo menos ata o día de hoxe; algo semellante aconteceu con Gombrowicz, a quen moito admira Kundera, quen me levou a el, pero tampouco conseguín descubrir a causa dese entusiasmo; Menjou sempre me resultou repelente, a pesar da adoración que os surrealistas lle profesaban; Lezama Lima desesperoume, non tanto por el mesmo como pola insistencia terca coa que quixen amalo seguindo os pasos de Cortázar
Tamén están as erradas suxestións dos amigos, deses amigos que xeralmente acertan e dos que vos fiades e/ou polos que sentides absoluto respecto estético ou ético ou humorístico ou crítico ou equis (non son excluíntes) e, sen máis, non acertan, destrozan de golpe todo o seu prestixio, no mellor dos casos, ou, no peor, déixante na miseria por sentir que non estás á altura. Podería poñer tamén exemplos, pero non debo, por puro pudor, por discreción, por orgullo. Abonda con que recoñeza que hai moitos máis do segundo tipo ca do primeiro, o que di moito dos amigos e non di menos de min.
E deixo para o final o caso máis doloroso, xusto o que xenera máis desencanto. Cal? Pois cando es ti o que recomenda, o que entusiasma co propio entusiasmo ós demais e, glup!, o que os conduce ó desencanto. Plus de veces, a lot, too much! Por suposto, o caso que máis me ten torturado é o do meu querido Bohumil Hrabal, ídolo meu e decepcionante encontro para algúns dos meus máis amados terrícolas.