PALABRAS BOMBA

Por seguir coa liña explosiva do post anterior, vaia, non por outra cousa. En realidade do que quero dicir algo é da surrealista partida de tute cabrón que, tras un lote de anos, rematou onte o T.C. ó dar a coñecer que xa existe sentenza sobre o Estatut. Do pouco que aínda sabemos e das primeiras reaccións parece deducirse que verdadeiramente gañou quen aparentemente perdeu ou, enfocado doutro xeito, hai un deseño moi coidado para intentar transmitir a idea de validez dun texto que, non obstante, de entrada, foi eviscerado e convertido en animal disecado.
A sensación dun profano en lides xurídicas coma min é que na partida de tute cabrón referida houbo basicamente unha obsesión, unha especie de enfoque artificieiro para tratar de desactivar toda palabra bomba colocada nos baixos dese vehículo sospeitoso que era o texto catalán. E, por suposto, de entre todas as palabras bomba, a potencialmente máis perigosa, talvez incluso a única, foi a palabra nación.
A liorta que se vén arrastrando xurídica e politicamente derredor deste anticristo derivou finalmente na xeneralización do uso do término nacionalidade como adecuado e aséptico continente no que non hai posibilidade de encaixar determinados contidos que si lle son propios ó continente nación, disque. Un asunto de significantes e de significados que non parece dirimirse polas academias da lingua, senón polas sectarias faccións da xudicatura e a bon seguro tamén polas cabezas privilexiadas dos sesudos responsables políticos dos grandes partidos.
En fin, que como se dun clásico do oeste se tratara, rematada a partida comeza a película. Xa veremos que desenlace nos espera, pero témome que lle vai ser difícil ó sheriff controlar tanta tensión.

Para a familia de Sitges.