MAREAS MORTAS

Sempre sentín respecto e admiración pola xente do mar, un respecto e unha admiración que non precisaba de explicación porque dicir mar é dicir cousa seria. Das vidas abnegadas de milleiros de mariñeiros e de mariscadoras está construída unha parte considerable da historia desta terra nosa, moitas veces dramática, tráxica. Por todo eso creo que é moi grave o que agora se está sacando á luz sobre o uso de dinamita pola frota de cerco, algo que, polo que se vai sabendo, non pode ser considerado xa un feito excepcional que poida explicarse pola lóxica existencia dun par de estúpidos que sempre conforman todo colectivo humano.
Unha outra cuestión que merece reflexión é a da aparente facilidade coa que se pode acceder a ese material explosivo. Como é posible que simples traballadores do mar poidan alamacenar e distribuir con absoluta normalidade durante anos e anos cartuchos de dinamita? Como é posible que empregándoa tanta xente -a cuarta parte da frota de cerco viguesa, disque- non se tivera averiguado por parte das autoridades pertinentes e non se atallara dende moito antes esta práctica? Supoño que o feito de que os activistas do 11-M optaran pola conexión da minería asturiana e non pola dos portos galegos foi única e exclusivamente un produto do azar.
Non fai falta moita cousa para provocar en min unha sensación de desencanto, un é xa pesimista por natureza, pero a verdade é que a realidade non parece querer axudar moito. Síntoo por tantas e tantas persoas que, entregadas ó mar, nada teñen que ver con todo este asunto, pero dubido tamén xa da súa absoluta inocencia. Teño a sensación de que aquí todo funciona ó revés, somos un país de estúpidos con, talvez, un par de excepcións.