VIS A VIS

Non acabou de convencerme a suposta marabillosa instalación que Isabel Coixet nos mostra no vello cárcere coruñés. O edificio devórao todo, como non podía ser doutra maneira. Nada se lle aporta ó texto literario de John Berger, é máis, queda totalmente desdebuxado, convertido en burdo punto de partida co que xustificar a proposta. Quen realmente se detén a escoitar o contido das cartas, incluso máis, quen se para a lelas? E que dicir dos ‘posters’ das actrices (case todas), desas caras perfectas ocupando as descunchadas paredes das deprimentes celdas. As súas voces, incluso as súas artificiosas voces… Dame a impresión de que a incuestionable boa intención da cineasta distorsionou o espírito da obra do escritor, a pesar de que contara con el para facelo, o que non cambia nada. Espectáculo, espectáculo mediático (Pe, Monica Bellucci, Juliette Binoche, Maria de Medeiros,…). Os internos terían elixido os mesmos nomes, seguro, pero outro tipo de fotos.
Nada teño contra as instalacións, nada teño tampouco contra Isabel Coixet (todo o contrario), moito menos teño aínda contra John Berger, por eso me doe ter que confesar o meu desencanto. Por suposto, non todo é inútil, abonda probablemente co impacto que as cartas dos presos reais que sufriron enclaustramento entre aquelas paredes, cartas que homenaxean ás vítimas da nosa horrible historia, xeneran sobre nós, máis intenso se cabe ó lelas alí dentro, alí metidos entre sórdidas reixas. Se cadra foi ese o mellor acerto da montaxe, o de incluir tamén esas cartas.
Aquí vos deixo o remate dunha das dirixidas por A’ida a Xavier, recluso da celda 73 da prisión de Suse, e protagonistas ambos da novela epistolar de Berger:
‘No hay mayor error que creer que la ausencia es la nada. La diferencia entre ambas es cronológica (tiene que ver con una cronología que ellos no controlan). La nada es antes, y la ausencia, después. A veces es fácil confundirlas: de ahí algunos de nuestros pesares.’