ICONOLOXÍA VAXINAL

Explícome. O concepto de iconoloxía vaxinal foi creado aló polos primeiros setenta para facer referencia á existencia dunha imaxinería propiamente feminina no ámbito da produción artística. As súas introdutoras foron dúas artistas, Judy Chicago e Miriam Shapiro, á vez activistas do denominado Movemento de Liberación da Muller. Tras unha teimuda búsqueda dun elo que distinguira as realizacións das mulleres das realizadas polos homes deron coa teoría da existencia dun suposto patrón común nas obras das primeiras: todo se organizaba derredor dun orificio central innegablemente metafórico.
Sobre este capítulo da historia da arte pódese atopar moita máis información no fabuloso libro de Patricia Mayayo titulado ‘Historias de mujeres, historias del arte’, e refírome aquí a el por un motivo máis que xustificado -como pronto ides ver- co que batín circunstancialmente cando andaba detrás doutras cousas. O caso é que, ó profundizar na cuestión dese metafórico centro que pode ser identificado en todo produto artístico realizado por mulleres, as autoras cren recoñecelo en múltiples formas e citan varias, unha delas, unha das mencionadas, son as ventás.
A miña lóxica aristotélica non acaba de dilucidar se neste meu blog fago uso e abuso dunha iconoloxía vaxinal, partindo da base de que non son muller, ou, pola contra, se debo ponderar con máis obxectividade canto de muller hai en min. Por suposto, as conclusións que eu obteña ó respecto non serán xa expostas aquí.