TROMPE L’ŒIL

Os fermosos relatos que falan de Zeuxis e de Parrasio… Poderiamos resumir todo aquelo cun epatante galicismo, trompe l’oeil, e, como resulta obvio, refírese ó que parece que si pero logo resulta que non. Un espellismo, vaia. Home, si, son conceptos un tanto distintos, pero non diredes que non teñen un aquel de parentesco innegable. Por suposto, o trompe l’oeil está, o espellismo nin está, pero nin un nin outro son. Pois así, así mesmamente nos atopamos, metidos nesa truculencia inesperada, formando parte dun diabólico xogo de mans, un truco cruel de prestidixitación. Si, claro que si, todo ilusionismo circense sabémolo tramposo, coñecemos de antemán a existencia dunha raña, pero aceptamos gostosamente participar desa complicidade porque sen ela non podería haber logo felicidade, pracer, ou o que fora que queirades chamarlle. A fin de contas así pasamos pola vida, facendo que non vemos ou, se somos capaces, non vendo o que é evidente. O drama fai acto de presenza cando se nos bota enriba o trapalleiro decorado de cartón pedra. Algo así coma o neno que descobre que os Reis Magos…

Unha reflexión sobre “TROMPE L’ŒIL

Os comentarios están pechados.