EGONOMÍA

E voltas ó veo, que dirían os vellos (polo menos os meus). Mais, como non darllas? Falar de asuntos económicos nestes momentos é, como mínimo, inevitable, pero talvez tamén imprescindible. Así e todo, que quede ben claro, confeso a miña incapacidade para articular un discurso minimamente fundamentado dende un punto de vista metodolóxico. A cambio quédame a compensación ridícula de ter a seguridade de que aqueles que si dispoñen de coñecementos profusos de teoría económica demostraron a súa ineptitude para prognosticar, séguena manifestando á hora de atallar e témome que… A difusa ciencia exacta da economía semella estar construída para que se enriquezan os economistas, polo menos un bo feixe deles. Aclárome, no posible. Veño de ler un libro de Stiglitz, ‘Como hacer que funcione la globalización’, que collín na biblioteca e, por eso que chamamos azar, coincide que mentres eu me ía deixando seducir polo ben traballado alegato deste nobel o noso ZP viuse atacado por un brote verde tóxico e cagámola, pero por enriba, a infalible e abnegada LVG publica hoxe unha entrevista telefónica precisamente con este economista. Contrastando todos eses elementos e intentando extraer algunha sesuda conclusión para ver se son quen de entender minimamente que é o que está pasando unicamente obteño os seguintes resultados: son moito máis tonto do que pensaba, acabo de caer da burra ó descubrir aínda hoxe que os economistas falan con parábolas ou, moito peor, co estilo críptico dos oráculos. As parábolas, a pesar do que poden ter en común con algo tan noso como é a retranca, lémbranme frías horas da infancia e catecismo; os oráculos, por suposto, nada me lembran do meu pasado, pero nunca me ofreceron moita confianza. Decidín que ó final tiña razón aquel meu vello compañeiro chamado Ado, que tantas veces repetía un peculiar refrán: ‘aquí o que non corre voa, e o que non voa pón casco’. Pois sendo así, se hai que poñerse a descifrar, prefiro facelo cos poemas caligráficos de Novoneyra, que para eso se lle adica mañá o show.