LUͧEOANE

Por fin acudín a ver a exposición que está ofrecéndonos dende o pasado mes de abril, coa excusa -xa máis ben obriga- do centenario do nacemento de Luís Seoane, a Fundación que leva o seu nome. A mostra está conformada na súa totalidade cos fondos que atesoura a institución, e abofé que son moitos e variopintos, e aínda que se bota de menos máis produción pictórica, non desmerece. E dito esto, considerando que o meu é un blog absolutamente persoal e sen máis finalidade que a que queira darlle, podo permitirme o atrevemento e a liberdade de expresar certas opinións negativas da montaxe. A primeira, que me aburre tanta obra gráfica e tanto libriño en expositores pechados; a segunda, que me irrita que os textos impresos nas paredes das salas acaben parecendo ás veces enigmas dunha esfinxe; a terceira, que fastidia a sequedade da información que acompaña a cada obra; a cuarta, que me parece absurdo que non se corrixan erros tontos -sempre existen, loxicamente- cando xa houbo tempo dabondo para facelo e non requiren de esforzo (poema manuscrito asinado por Rafael Alberti e descrito na ficha adxunta como de Rafael Dieste)…
Pese a todo, voltarei por alí algunha vez máis antes de que a desmonten. Quedei prendado dun bodegón do ano 1958 no que nunca antes me fixara e, peor aínda, nin tan sequera podería asegurar ter visto en ningunha outra das grandes exposicións adicadas ó artista: ‘Bodegón con porros’. Esa pintura, os outros dous bodegóns que colgaban ó seu lado e algunhas das mariñas marabillosamente abstractas, que cos seus azuis diversos e ondulantes se axitaban, son razóns de peso para que o faga.
Pero hai máis centenarios de Seoane sementados por esta incrible terra nosa. O que me pregunto é se ten máis sentido esta maneira de afrontar a conmemoración, ou se merecería a pena aunar esforzos e completar unha gran exposición. Xa sei que a nós eso das fusións non se nos dá de todo ben, que levamos o minifundismo no mapa do adn, pero…