NUNCA MÁIS

Unicamente quero deixar constancia cun exemplo da dificultade coa que se encontra todo tradutor á hora de facer encaixar o que un autor escribe nunha lingua co que un letor debería de ler noutra. Vello asunto, vello e perfectamente resumido co proverbio italiano de todos coñecido, ‘traduttore, traditore’. Neste caso trátase dun problema aparentemente sinxelo, mais talvez irresoluble, ó fío duns versos de Celan (non falo do Celan máis terrorista, obviamente). Aí van:

Ein Wort, / an das ich dich gerne verlor: / das Wort / Nimmer.

Unha palabra / na que gustei de te perder: / a palabra / Nunca máis.

Una palabra / por la que me gustaba perderte: / la palabra / nunca.

Emprego dúas edicións bilingües, a editada en castelán por Editorial Trotta, con tradución de José Luís Reina Palazón, Paul Celan, ‘Obras completas’, e a editada en galego por Galaxia, con tradución de Catuxa López Pato, Paul Celan, ‘A rosa de ninguén’. Que opción vos parece máis aceptable, a de convertir unha única palabra alemana en dúas galegas para respectar dese xeito o verdadeiro significado da mesma, facendo que perda entón o seu sentido o primeiro verso, ou a de capar o significado máis exacto desa única palabra para que realmente quede como unha palabra?
Por suposto, o ideal sería poder ler sempre na lingua orixinal, pero eso está unicamente ó alcance duns poucos, duns poucos e dunhas poucas linguas, vaia.
A partir desta anecdótica mostra podemos doadamente imaxinar as tremendas alteracións que inevitablemente afectan á obra orixinal cando se verte a outro idioma, pero pensemos por un momento en aspectos como a rima, o ritmo, a medida dos versos, as aliteracións, etc., etc. Quero dicir con esto que, no caso da poesía, os atrancos multiplícanse. Non lembro agora mesmo, e non teño ganas de googlear, quen afirmou que precisamente poesía era aquelo que se perdía cando se traducía un poema.

3 reflexións sobre “NUNCA MÁIS

  1. Podería ser unha boa e salomónica elecciión, pero quero supoñer que calquera dos tradutores aludidos a tiveron en conta e a descartaron por consistentes razóns. Aínda así é probable que unha puxera ‘xa máis’ e o outro ‘máis’. A culpa, evidetemente, foi de Celan.

  2. Xa sei que isto é sacar os pes do tiesto… pero ao ler esta entrada quedei pensando na dificultade da traducción. Non da poesía ou das obras literarias noutros idiomas senón da comunicación cotiá cos que supostamente falan a mesma lingua que nos. Cando transmitimos (“fielmente”) ou contamos o que outro dixo, cando ( os profes nas avaliacións) pontificamos sobre o que son e sobre as causas do proceder dos nosos alumnos( simplemente estamos traducindo o que vemos diariamente nas aulas)…. ¡Canta prudencia nos facía falta nisto!

    E agora volvendo os pes ao seu sitio…respecto á proposta de traducción. Por min poñer dúas palabras (“nunca máis”) se o sentido se achega mellor ao significado orixinal… que a nosa cabeziña xa buscará a unidade que pregoa o inicio do verso.

Os comentarios están pechados.