MUROS DE CONTENCIÓN

O capitalismo é un virus mutante para o que non hai polo de agora remedios, apenas bálsamos de discutible efectividade e, por enriba, de curta duración e con impredicibles efectos secundarios. Pensamos neso cando entramos en fase descendente e esquecémolo cando nos sentimos nas alturas. Vivimos nun parque temático chamado vida e para disfrutar un minuto dunha dubidosa sensación de placer temos que botar horas facendo cola, agardando, esperando mansos. Deitámonos un día convencidos de que os monstros forman parte da mitoloxía e despertamos cheos de baba pestilente e metidos na boca do leviatán. Que llo pregunten ós gregos.
Castelos, atalaias, fortalezas, búnkeres, trincheiras, etc., etc. Todo se limita a eso, a levantar muros de contención para intentar deter a ameaza, a real ou a imaxinaria, eso non importa, o caso é ter un muro que exerza o seu efecto placebo nas nosas mentes. Lémbrome entón dos clásicos, dalgún clásico, de versos que recitabamos de cativos e nos que intuíamos unha sentida advertencia, algo desacougante que nos profetizaba unha arrepiante ameaza, ou a vós non vos pasaba?: Miré los muros de la patria mía, / si un tiempo fuertes, ya desmoronados… Por suposto, ben sei que Quevedo non falaba de economía, pero eu tampouco falo exactamente de economía.