LOUCURAS DE AMOR (CREO)

Antonte, coincidindo coa data do meu cumpreanos (pero eso non viña ó caso), intervín nun acto particularmente curioso, acto que publicitei nun enlace do post anterior e que, por ter xa pasado, tiña pensado eliminar, pero finalmente decido que vai quedar aí, nese sitio virtual, sobre todo porque así adquire máis claridade este post (creo).
Tratábase da presentación dun libro de poesía e ‘prólogos’ dun amigo meu, Arturo L. Regueiro. O motivo da miña intervención tiña que ver co feito de pertencerme un deses prólogos, xustamente o que se insertou como epílogo. O libro xa se presentara anteriormente en Santiago e en Vigo, participando nesas ocasións outras persoas (Xurxo Borrazás, Pepe Paraños, Pepe Sendón, Mario Regueira, O Leo, etc.). Eu non acudira a ningunha desas citas. Realmente case nunca acudo a cita algunha, e fíxeno nesta ocasión por estricto deber sentimental, que conste en acta.
O meu rol foi o de mero introdutor, rompendo o xeo, abrindo o camiño. Apenas sete ou oito minutos de cháchara que pretendeu ser distendida, retranqueira e, por suposto, tamén cariñosa (creo de novo). É posible que tivera apariencia de improvisación, pero non era así. Para poder dicir as catro chorradas que dixen reflexionei previamente sobre o libro en cuestión, sobre a miña relación con Arturo e sobre a oportunidade que ía ter de dicir(lle) certas cousas en público (poucas cousas e pouco público). Penso que o máis interesante que conseguín concluir e recoñecer foi aceptar que o seu libro, autoeditado, e a súa perseverancia intentando darlle pulos, son xa de por sí un fermoso exercicio poético, independentemente de calquera outra consideración sobre o valor literario que se lle queira dar ó seu contido e que, por suposto, non son eu quen para determinalo. Despois de dicirlle eso a el e ós asistentes quedei tranquilo e disfrutei da posta en escea dalgúns dos seus textos a cargo do propio autor, un chelista, Antonio Castillo, e outra voz de poeta louco, Luís Cuntín. Despois nada. Ou si, unha caña.

3 reflexións sobre “LOUCURAS DE AMOR (CREO)

  1. Pois nunca antes vira esta pequena peza, grazas polo agasallo. Que conste que nunca conseguín que Rohmer me cautivara, a pesar de querer que así fora, é máis, en ocasións chegou a desquiciarme. Lástima, creo que eso xa di moito da miña incompetencia.

  2. Pingback: Nadja à Paris (1964) - Movie

Os comentarios están pechados.