AFTER R. MUTT

Non había outra maneira de facelo. Á forza tiñamos que sair dos cuartos que daban a unha especie de pequeno distribuidor. Alí, plantado no medio e medio, de cando en vez, sobre todo de madrugada, pero ás veces tamén á medianoite, oíanse os chorros das mexeiras caendo enriba dos ouriños que xa estaban dentro. Era incluso doado distinguir quen estaba mexando, non revestía complicación ningunha; pronto te dabas de conta se era un home ou unha muller. Os homes mexaban de pé, deixando verter unha fervenza fina dende aló enriba, marcando esa parábola inestable que dun momento a outro ía parar fóra e, así, ás veces, entrecortábase o ruído base. As mulleres soaban con máis precisión, con aquel asubío producido por unha diferente presión e proximidade, aínda que con menor intensidade. Pronto se podía determinar se era a avoa, o avó, o tío, a prima…
Os problemas aparecían cando lle chegaba o turno a un. Primeiro había que atopar o xeito de aproximarse a aquel diabólico utensilio, todo el de porcelana branca e cunha beira azul definindo os seus límites. Unha asiña dáballe aspecto de taza ampliada. Pero os atrancos estaban no chan, no entorno da pseudocunca. Nun radio de considerable amplitude había pingueiras de mexos anarquicamente situadas e todas elas repletas de malas intencións. Non se tiñan zapatillas para os pés, un ía a tumba aberta, totalmente descalzo. Cando era xa día unha ventá estratéxica daba luz para percibir aquelo, ou inclusive a penumbra do primeiro clarexar facía brillar aquel líquido do chan; ás veces algún segmento daquela superficie non brillaba, non era doado velo e, entón, estabas perdido. Un chapoteo lene, mansiño, atrapábache a planta do pé e ti xa sabías que eras víctima do inimigo; non había nada que facer, tan só restregarse un pouco por enriba da alfombra antes de voltar ó quente da cama. Peor era aínda cando querías abortar de raíz eses males e actuabas dun xeito violento, potencialmente agresivo para os demais. Calculabas a máxima separación dende a que podías intentar embocar o ouriñal e deixabas sair o chorro. Unha parte del, efectivamente, caía dentro…
O máis desacougante da aventura cotidiana aparecía de xeito sorprendente cando algún día, de tempo en tempo, ó chantar os ollos na diana minxitoria batían con aqueles frotadores de sangue, unha especie de pequenas nebulosas navegando entre duas augas que facían que te esqueceras do que acontecía baixo os teus pés. Ai, Deus! De quen podía ser, quen mexaría sangue? Sería de cuspir? A ver se era deso, si, de toser sangue e ter que botalo no ouriñal. Pero, quen está tan enfermo? No, non era eso, tratábase doutra cousa; era o tío, ti xa tiñas escoitado algunha referencia soterrada a aquela operación de fimose, unha enfermidade que debía de ser moi mala polo xeito de esconder a historia e, que, de cando en cando, provoca que expulse sangue ó mexar. Pobre tio! E entón xa nin sequera pasabas antes pola alfombra, ías dereitiño baixo a roupa na fría madrugada, entobabas outra vez no molde feito durante horas de sono naquel colchón de lá.
Pola mañá, cando te levantas, xa non está o ouriñal no chan, tan só as súas pegadas permanecen aínda; un círculo máis ou menos perfecto e plenamente seco rodeado de pozas de variable tamaño. Fóra, arrimado á parede da casa, na eira, a xigantesca cunca de porcelana xace empapada en auga fresca, limpa totalmente, agardando novamente a chegada do seu turno de noite.
Algún tempo despois apareceron certas ordenanzas destinadas a modificar vellas e criticables costumes: tódolos cuartos ían ter o seu propio ouriñal debaixo da cama. Os homes non podían utilizalo segundo era tradición, terían que collelo na man e subilo á altura necesaria para non mollar o chan.
Era o primeiro paso para ir acoutando a solución do enigma. O ouriñal do tio non era o que tiña sangue; sabíao ben porque ás veces tocábame a min baleiralo na horta. Polo demais, comezaban a adquirir certo sentido aqueles picos brancos tendidos na varanda que, entre maceira e maceira, semellaban bandeiriñas do campo da festa. Nunca me importara telos collido daquel caixón da coqueta cando non había un pañuelo para sonar os mocos, pero a partires de entón…
Co paso do tempo todo foi mudando. Desapareceu o ouriñal, desapareceron os picos e desapareceu tamén a xente, pero algunhas veces paréceme sentir aínda a planta dos pés mollada.

Ás veces a un dáselle tontamente por botar man de textos vellos.

CUÑA PUBLICITARIA DE EFÉMERA VIDA

2 reflexións sobre “AFTER R. MUTT

  1. verdadeiramente isto hai que telo vivdo para entendelo. Pero a narración é maxistral ( XL)

Os comentarios están pechados.