DANOS COLATERAIS

Unha das ventás que me fixo chegar Julián.

Recibo agasallos que son, obviamente, miradas entregadas ós meus ollos. Resulta fermoso sentir que, noutros lugares, en calquera impredicible instante, hai quen de repente se pon a mirar por min cara a unha ventá na que, quen sabe, algo chamou a súa atención e, dun xeito reflexo, fixo reaccionar a súa tristeza de tren.
Por suposto, tamén existen as miradas case paralelas, aquelas que se pousan nun mesmo obxecto sen saber unha da outra ate que un día…
As tristezas compartidas sempre resultan máis soportables.

Achtung: A ventá que ilustra este post foi fotografada por Julián e, con outras, fíxoma chegar. Un xesto semellante debo agradecerllo tamén a Xulia, que meses atrás me enviou por e-mail as súas, sen embargo a miña incompetencia botando a andar este artefacto infame con forma de blog fixo que me quedara sen elas. Síntoo ben. Grazas ós dous. Grazas tamén a Antero de Alda (se esto algunha vez le) pola súa xanela primaveral e por todo o que nos ofrece a través da rede e que podedes ir vendo se entrades no blog que vos enlazo aquí ó lado (deixádevos levar).